Viño tostado

Nestas festas en que as mesas se enchen de cousas deliciosas e pouco habituais no resto do ano, seguro que nalgunhas remata o banquete cunhas fechas de viño tostado. Non en moitas, que o tostado non abunda e, co prezo que leva, so pode abusar del quen fora agraciado no sorteo do 22. Non digo eu que o tostado sexa caro, que non mo parece co traballo que da, senón que costa moitos cartos, como costan os percebes e tampouco me parecen caros.

O tostado, viño elaborado coas mellores uvas da viña, recollidas co coidado que merecen as xoias que son, e postas a secar, ata quedar pasas, é un vello produto das adegas galegas dos señoritos e os abades, que os pobre non se podían poñer con tantos remilgos e reviravoltas para sacar un chisco de viño dun feixe de uvas. Pero que viño, señores!.

Estivemos a piques de perdelo, como perdermos tantos produtos tradicionais e receitas cada día, pero uns poucos tocados da gracia divina devolvérono á vida e aí o temos, disposto a aledarnos un pouco a vida. Por sorte, cada vez son máis as adegas que se animan con este viño naturalmente doce, tradicional en Galicia por moito que algúns, máis dos que parece, non o cataran nunca.

O tostado estaba presente na adega do mago Merlín na súa estancia nas terras de Miranda. Cóntao Cunqueiro nun capítulo de Merlín e familia, capítulo que é un compendio do pensamento máxico do pobo galego reunido nunhas poucas páxinas. ”Non sabía saír do patio nin irme pro leito por ver en que paraba aquela audiencia, e senteime cabo da figueira a alcender os mistos portugueses que me quedaran, cando saíu o enano do castelo a mandarme que trouxera unhas roscas i un bico de tostado…” conta Felipe de Amancia.

La Voz de Galicia, 7/01/2020


Deja un comentario