A hora do capón

Andarán estes días revolucionados os galiñeiros galegos e, de maneira moi especial, as capoeiras, que non son aquí baile de orixe brasileiro senón gaiola na que se cría a súa maxestade imperial o capón, que imporá o seu imperio sobre todas as carnes naquelas casas que teñan o privilexio de levalo á mesa de Nadal.

Rei dos pratos e prato de reis, tal como din que o definiu o papa Pío IX, a lenda atribúe a invención do capón a un cónsul romano que, farto de que os moitos galos que había pola cidade lle quitaran o sono, mandou capalos para que deixasen de cacarexar de madrugada.

Certa, ou non, a historia do cónsul Caio Canio, semella que os romanos sementaron de capóns o seu imperio, xa que a crianza dos mesmos é común en Francia, España, Portugal, Italia…

Para os lucenses non hai máis capón que os de Vilalba, salvo naquelas casas onde se crían os propios que, como é de lei, serán os mellores de Galicia. Como para os de Vila de Cruces o son os seus galos de curral ou para os de Arzúa os seus galos piñeiros, que ata en cuestións de capóns os galegos somo minifundistas.

Un bo capón préstase a case todo á hora de cociñalo. Pode ir sinxelamente asado ou guisado ao xeito de sempre, pero, segundo explica Matilde Felpeto en El capón de Vilalba y su cocina, tamén se pode acompañar de marmelos, lagosta, repolo, trufas, foie, castañas, setas…

Se ata se pode reencher cun reloxo espertador para sorprender aos comensais, tal como facía, segundo Cunqueiro, Matías Vello, veciño da Pastoriza que marchou a Brasil. Alí ofrecíase a cociñar nas casas onde o convidaban a xantar. Sobresaía en carnes mechadas, pastelós e perdices ao espeto e ensinaba aos convidados a trinchar o capón. Tamén, como se dixo, poñía dentro do polo un espertador para que repenicase no momento de levalo á mesa, anunciando a hora do capón.

La Voz de Galicia de A Mariña, 27/12/2019


Deixa unha resposta