Caldos de outono

Comeza o mes de novembro coas conmemoracións do día de Defuntos e as renacidas costumes das cabazas, e segue cos magostos, que na provincia de Ourense convértense en fastosas festas populares.

Lembro o costume que tíñamos na nenez de coller o primeiro calabazote que se cruzaba no camiño para, cunha vela acesa no seu interior, situalo no calexón que vai da praza á igrexa, en Ferreira, co obxectivo de asustar ás vellas que atallaban por alí cara á misa. Pode que as vellas non se asustaran, pero nosoutros pasabámolo de medo.

O frío e a humidade destes días convidan a un bo caldo, que se fora de cimóns sería perfecto, pero aínda queda agardar por eles. Así que podemos botar man de vellas tradicións esquecidas e volver a cociñar un caldo de cabazo, igual que aquel do calexón, coas súas fabas e patacas, engadindo un rustrido de cebola frita e unha mestura de pemento doce e picante. Un caldo totalmente vexetal, lixeiro de delicioso, digno das cociñas máis refinadas por moito que sempre fose propio da casa do pobre.

Por algunha razón que descoñezo, moitos dos caldos tradicionais de Galicia están en franca decadencia ou completamente desaparecidos ante o dominio absoluto do noso señor caldo de cimóns.  Entre os decadentes este caldo de cabaza, pero tamén o de fréxoles (xudías verdes para a maioría) ou o de bertóns, que parece que o de castañas quere volver onda nos. Entre os que marcharon, con máis alegría que penas está o caldo vigueiro, que segundo Cripriano Torre Enciso non levaba máis que o reflexo das vigas do teito da cociña e quen sabe se a sombra dun anaco de touciño.

O de cabazo, ou de calabazote, ou de melón, segundo de onde veña a palabra, ten os seus defensores apaixonados. Como Felipe de Amancia, criado de Don Merlín, que un día esperta e xa ten na mesa o caldo botado “i era ben do meu gosto aquel caldo de calazo doce que facía a señora Marcelina polo outono; tanto me sabía que adoitaba recuncar” asegura o mesmo día que seu amo tiña que tinguir de negro “corvo de Nápoles” a cola de dona Teodora, a serea grega, da que non sabemos si tratou a dona Pasitea, serea tamén, que tivo amores na illa de Sálvora con Roldán, o paladín de Francia, segundo conta Torrente Ballester. Daqueles amores saíron os Mariño de Lobeira, dos que Cunqueiro aseguraba ser parente.

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 2019


Deixa unha resposta