A REAL COLINETA

Na cociña non poñía man, como non fora pra facer a colineta os días de festa”. Así fala Álvaro Cunqueiro de dona Xenebra, a raíña de Camelot que no Merlín e familia pasa o tempo, entristecida, nas terras de Miranda.

A colineta foi sobremesa de respeto na Mariña enteira e dóce moi apreciado polo mindoniense… e por unha lexión máis de adoradores deste biscoito de améndoas que hoxe quedou relegado para moitos á categoría de lembranza e para outros á de mito.

Conta Cunqueiro nun artigo de 1954 dun canónigo de Mondoñedo que lle pregunta que prefire que lle ofrezan de sobremesa se van convidado: colineta ou requeixo?. E o escritor resposta no seu artigo que non hai dilema, e menos para un apetito xeneroso porque, se vai convidado, hanlle de ofrecer dos dous.

Noutro artigo, dous anos despois, escribe sobre o banquete de festa pola Asunción da Virxe, banquete ao xeito daquela época, dos que empezaban ás dúas da tarde ata que ás sete da alguén partía a colineta, que fora precedida das papas de arroz, o requeixo e a torta de Mondoñedo.

Por esa época, no Valadouro e terras limítrofes triúnfaban as colinetas da Pisona, Aurora de Pisón, á que sucedería na arte de repostería Pepita, de novo A Pisona.

Digo eu que ás dúas había darlles gusto ver coma hoxe, neste ano 2019, a colineta, seguindo a súa receita, está presente na carta do Hostal dos Reis Católicos e se pode degustar no mesmo Comedor dos Reis.

Xa dixen ao comezo, seguindo a Cunqueiro, que a colineta é cousa real. E alimento de deuses, engado.

La Voz de Galicia, 12 de novembro de 2019


Deixa unha resposta