Roscas e tostado do Ribeiro

Non sabía saír do patio nin irme pró leito por ver en que paraba aquela audiencia, e senteime cabo da figueira a alcender os mistos portugueses que me quedaran, cando saíu o en ano do castelo a mandarme que trouxera unhas roscas i un bico de tostado.

Merlín e familia

En A cociña galega Cunqueiro dedica os primeiros parágrafos do capítulo de doces ás tortas e ás roscas que se ven en todas as romarías galegas, asegurando que o mellor acompañamento para as mesmas é o tostado do Ribeiro, viño que o anano lle pide a Felipe de Amancia nese capítulo en que se trata da trabe de ouro “sober da que se ten o segundo arco da terra”. Segundo conta máis adiante, as roscas “eran de Santa Clara, bañadas en almibre por mi ama doña Ginebra”.

As roscas aparecen noutras pasaxes da obra de Cunqueiro, como no capítulo dedicado a Braulio Costas en Os outros feirantes. O tal Braulio, cazoleiro de profesión, tiña gran reputación polos exvotos de barro que facía… cando lle petaba. O último que fixo foi para Manoliño, que o levou ao nicho do neno que representaba o exvoto, un anxo con ás abertas nas costas.

A Braulio Costas chegáralle ao corazón o xesto de Manoliño, que un día ao saír da misa deulle a metade da rosca que estaba comendo despois de negarlle un bocado á súa propia tía. ¡Cousas de rapaces!