Tortilla de ovos de gaivota

Tenía la barba rizada, mejoraba la sidra de la que bebía, y cuando tenía hambre, llegaba del mar una gaviota y le ponía un huevo en la capucha.

El ciervo de san Ronan. Faro de Vigo, 17 de abril de 1968 (Recollido en “De santos y milagros”)

Ronán, irlandés fuxido da súa terra no século V, foi, segundo conta Cunqueiro, evanxelizador da Armórica e bispo. Da súa presenza en Bretaña quedaría a cidade de Locronan (Loc Ronan) e da súa dieta o que nos conta o mindoniense no seu artigo.

Pero a frase que recollo lévame a pensar porque non é habitual o consumo de ovos de gaivota nun país onde estes paxaros abundan e resultan ás veces máis fastidiosos que outra cousa. Imaxino que a recolección dos mesmos terá o seu aquel, pero non máis perigos que, por exemplo, a dos percebes.

E nos tempos da fame, cando un ovo era un tesouro ¿comeríanse os ovos das gaivotas galegas ou algún prexuízo o impediría? Haberá que preguntar.

Mentres chega o día, busco na internet información sobre o consumo destes ovos e atopo unha información sensacional: en maio de 2012 unha tortilla de ovos de gaivota custaba en Londres 135 euros, segundo se desprende da información de Tips Familia. Paréceme moito diñeiro por unha tortilla, e máis despois de ver os prezos que imperan no restaurante londiniense referido, Boisdale, e que o ano anterior en Londres cada ovo se valoraba en ata cinco libras.

Os noruegueses, polo visto, tamén comen os ovos de gaivota, cocidos e acompañados de pan sen levedar, manteiga e cervexa ben fría. Seguro que Cunqueiro non sabía de tal costume inda que, afeccionado como era a escribir sobre viquingos visitantes das costas galegas, haberá que revisar os seus textos a ver se hai algunha tortilla de gaivota mariñana.


One Comments

Deixa unha resposta