Un cocido galego

…sopa y cocido, que se descompone en más de un cerdo, y añade media gallina por barba…

Del feliz agosto, y de los once platos que se comen en Beiral por la Asunción de Nuestra Señora. Vida gallega, agosto 1956

En pouco máis dunha liña Cunqueiro describe o cocido ideal para calquera galego, inda que non sempre se puideran comer esas exquisiteces. Para completar a nómina de produtos que compoñen o prato teremos que ir a A cociña galega onde di:

Un bon cocido leva moitas cousas: leva xamón e lacón, leva carne fresca, leva touciño e chourizos, leva verdura –que poden ser grelos pero pode ser tamén repolo-, e leva galiña, e tamén leva garavanzos. E as patacas por descontado. E á carne de porco que vai no cocido aínda se lle pode engadir a orella, e se hai costela salpresa, pois costela. E na auga na que se cocéu a carne, e pinchando nela un par de chourizos, faise unha boa sopa, que pode ser de fideo ou de arroz”.

Un bo cocido o que nos describe o mindoniense, pero hoxe en día non se entende o prato sen a cachola do porco, nosa señora dos mil sabores. E, segundo a zona do país pola que nos movamos, haberá máis cousas: que si un botelo ou androlla, ou as unllas do porco, a lingua salgada, o corazón, igualmente salgado, o bolo do pote, as fabas xunto cos garavanzos ou substituíndoos, as filloas de caldo, a soá… non se estrañe ninguén que xa Picadillo, hai máis dun século, dixera que o galego era dos cocidos alegres, pola alegría que á mesa levaba a carne, fronte aos doutras zonas da península, tristes na súa opinión por basearse nas legumes e hortalizas.

Claro que nos tempos de Picadillo a meirande parte dos galegos terían que conformarse cun caldo de verzas, seguramente máis triste aínda. Xa daquela dixo a Marquesa de Pardo Bazán que o labrego galego era vexetariano… á forza.


Deixa unha resposta