Lamprea,princesa verde

Ha remontado los ríos galaicos la lamprea. Trae en su carne la canela de los bosques submarinos, y acaso por el sabor de la lamprea sepamos el de los besos de la sirenas.

La lampresa, esa princesa verde. Vida Gallega, febrero-abril de 1963 (recollido en Viajes y yantares por Galicia).

Comeza con estas frases o artigo de Cunqueiro sobre a lamprea e en dúas páxinas e media de libro fai o mindoniense un percorrido por toda a xeografía galega da lamprea e por todas as formas de comela que aquí tíñamos en 1963 e, inda que cambiaron moito as cousas, calquera amante do máis estacionario dos nosos peixes pode ver que en moi poucas palabras Cunqueiro reúne un auténtico tratado da lamprea galega, dificilmente superable por libros de moitas máis páxinas.

Fala das disputas sobre a calidade das lampreas do Miño e do Ulla, e cita tamén as do Tambre, desaparecidas do mercado por mor dunha presa hidroeléctrica que deixou os pescos río arriba do muro de formigón.

Non se decanta por unhas ou outras, o mesmo que non o fai por unha preparación en concreto, citando os guisos de lamprea fresca e curada de Arbo, a bordelesa de Tui, as empanadas de Padrón, Noia ou Caldas de Reis, en realidade timbais en moitos casos.

Non se decanta Cunqueiro neste artigo por unha receita en concreto, pero si sobre algúns aspectos do seu consumo, e así asegura que “yo estoy con los que piden un Burdeos para la lamprea”. De non habelo válelle un caíño.

Tamén se pronuncia en favor dunha lamprea pouco especiada, cociñada con cebolas doces (“una cebolla agria corta la sangre del petromyzon”) e guisada cun tinto “taninoso y pintor”.

Remata asegurando que os romanos comeron moi mal a lamprea por culpa do garum. ¡Aló vai un mito!.


Deixa unha resposta