Perdices ao espeto

Matías Vello sempre se ofrecía pra cociñar nas casas onde o convidaban a xantar. Sobresalía nas carnes mechadas, nos pastelóns e nas perdices ao espeto flameadas con coñac…

Matías Vello. Escola de menciñeiros

Es un trozo del otoño el que comeis, un trozo nostálgico de las era de trigo, de centeno y de avena” di Cunqueiro no remate do capítulo que dedica á perdiz en Teatro venatorio y coquinario gallego, o libro escrito en colaboración con José María Castroviejo, e no que fai moitas loubanzas desta ave.

Neste libro, como en Escola de menciñeiros, atopamos a perdiz ao espeto e a maneira de preparala. Lembra Cunqueiro ao Marqués de Armonville, que no seu Tratado, falando das comidas dos mosteiros, dixo que os cluniacenses preferían o espeto, mentres os cistercienses “dieron en la moda de empanar”. Sería, polo tanto, segundo Cunqueiro, propia de Samos a perdiz ao espeto.

Co seu habitual estilo, di Cunqueiro que onde mellor se comen estas perdices ao espeto é no monte, recheas con dúas lascas de xamón ou touciño entrefebrado e unhas olivas. Póñense no espeto e colócanse ao lume para que se vaian dourando e, mentres, cóllense unhas castañas dun castiñeiro próximo e póñense a asar no mesmo lume. “Cuando está la perdiz asada, están las castañas también”.

As perdices, en diversas preparacións, aparecen moitas veces nos libros e artigos de Cunqueiro, e dálle a esta ave un certo carácter afrodisíaco.

En 1977 publica na revista de erótica Bazaar un artigo titulado “Instrucciones para nobles caballeros” no que afirma o seguinte: “El hombre que anda a coitos ha de usar, según Lobera(1), manjares que aumenten la virtud y simiente, qie son huevos, hígados de gallina, alguna perdiz nueva…”.

No mesmo ano, pero neste caso noutra revista de carácter erótico, Primera plana, escribe “Los estrelleros de Samarcanda”, asegurando que os tales estrelleiros “al servizo de los grande kanes” eran obrigados a levar unha alimentación que apagase ou borrase os seus apetitos carnais, evitando, entre outras cousas, as perdices, que so se lles permitían cando chegaba a muller do khan. Entón tiñan vacacións, “comida libre con cordero y perdiz…” e acababan os estreleiros botando “un vistazo por las tiendas de las viudas”.

(1) Luis Lobera de Avila, medico do emperador Carlos V.


Deixa unha resposta