Tempo de magostos e difuntos

Sobre el camino compostelano, a una legua corta de Triacastela. Vareamos un castaño, esvilamos los erizos y preparamos un magosto. El Goiro puso ante la hoguera una jarra de mimbre que llevaría como obra de media cántara.

–  ¡Non é auga do pozo, señorito!

El Pozo del Goiro. (Finisterre, maio de 1946. Recollido en El Pasajero en Galicia).

Contan os antropólogos que o magosto é a gran comida cerimonial de defuntos en Galicia. Atrás quedan numerosos costumes funerarios xa desaparecidos e sempre relacionados coa comida, como van quedando xa, a causa da proliferación de tanatorios por todo o país, os velorios domésticos en que amigos e familiares velaban ao defunto con profusión de comida, bebida e ata ás veces un punto de festa.

A moitos chocaralles esa costume norteamericana que vemos nas películas con convites na casa do defunto despois do enterro. Aquí ata non hai moito convidábase co morto de corpo presente.

¿Canto hai destes vellos costumes galegos e europeos (porque seguro que se repiten noutros moitos lugares) en festas tan coñecidas hoxe como as mexicanas?. ¿Canta tradición galega levou a México o franciscano Sebastián de Aparicio, natural da Gudiña, ao que se atribúe a fundación do Día de los Muertos?.

En case toda Galicia o gran día dos magostos é o 1 de novembro. Se cadra a gran excepción é o concello de Ourense, onde o deixan para o día 11, San Martiño, patrón da cidade.

Noutro tempo os galegos comían as castañas preferentemente cocidas, que era como se consideraban un alimento cabal. Asadas tiñan a consideración de lambetada, de argallada para cando non había máis que facer… menos no día do magosto, claro está, en que se convertían na estrela. E cocidas comíanse en caldo, caldo de castañas, que non é nin se parece ao caldo galego de grelos (ou de calquera outra verdura), inda que o mito…

Tamén se comeron, e seguro que aínda se comen, acompañadas de leite e azucre, que foron cea común nas vilas e aldeas ata non hai moito tempo, ou na compaña de arenques.

Hoxe as cousas cambiaron e pódense ver na gornición dalgúns pratos, especialmente agora que estamos en temporada de caza. E están en marróns glacés, dos que Galicia é gran produtora, en cremas, marmeladas, bombóns,  xeados, con vino, tortas do Caurel e ata en augardentes que so se poden mercar en Xapón, xa que as catro ou cinco mil botellas que en Ourense se producen cada ano do Kouri Sochu so están presentes no mercado nipón.


Deixa unha resposta