O romano comedor de anguías

Puede hablarse de una Gallaecia balnearia, y es sabroso imaginarse el romano comedor de lamprea y de corzo, de anguilas y de cerdo, en busca del manantial apropiado por los caminos de Galicia.

Discurso de apertura do bimilenario de Lugo (25 de outubro de 1975). Recollido en Viaje a Lugo

Inda que Cunqueiro non o cite cando lembra as anguías, outubro foi o seu mes na cidade de Lugo ata non hai moitas décadas, se atendemos ao que falan os historiadores e o cronista da cidade, que aseguran que as anguías eran o prato propio das festas do San Froilán ata que a súa escaseza levou a substituílas polo polbo á feira. Hoxe non hai festa en Galicia na que se consuma máis polbo á feira que o San Froilán xa que as polbeiras non so están nas súas casetas durante os nove días de festa, senón ao longo de todo o mes de outubro.

A anguía é un prato en decadencia en Galicia, probablemente polo mesmo feito que fixo que en Lugo fose substituída polo polbo: a escaseza. Portomarín, Paradela e os concellos da zona seguen a ser grandes consumidores de anguía, pero trátase de peixe procedente do delta do Ebro, xa que nesa parte de Lugo gustan as anguías de bo tamaño, nunca menos de medio quilo, que raramente se atopan nos mercados galegos. Mentres, a case totalidade da anguía capturada en Arousa pola flota de Arcade vai para Portugal xa que non dan a talla que pide o consumidor lucense.

A decadencia actual contrasta co esplendor que debeu vivir este peixe nas mellores mesas galegas de hai un século, ata o punto de que Picadillo inclúe en La cocina práctica catorce receitas de anguías, case tantas como as dedicadas á pescada ou ás sardiñas. Destaca, se cabe, a empanada de anguía, que na receita do señor de Anzobre leva o peixe enteiro dentro, enroscado como aínda se fai no timbal de lamprea.

Cunqueiro escribe sobre anguías en diversas ocasión, como cando lembra a obra de Martín Sarmiento nun artigo titulado El viaje a Galicia (La Voz de Galicia, 7 de decembro de 1952, recollido en El pasajero en Galicia) ou en Pasando el Miño en Portomarín (Faro de Vigo, 19 de outubro de 1962, recollido en El pasajero en Galicia), onde lembra a conversa cun labrego de Portomarín ao que o escritor lle pregunta se vai arrincar as viñas antes de que o embalse o inunde todo: “¿E pra onde as vou levar? Non me queda nin unha cuarta de terra nin me dan outra! ¡quedan pra que aniñen as anguilas!” responde o labrego.

Tamén están as anguías no pantagruélico menú de festa en Beiral (¿existe realmente Beiral, que non o atopo por ningures?), aquí en forma de pastelón de anguías, que saen á mesa despois da pescada e antes dos pombos rebozados (Del feliz agosto, y de los once platos que se comen en Beiral por la Asunción de Nuestra Señora, artigo publicado en agosto de 1956 e recollido en Viajes y yantares por Galicia.)

O menú de tan sinalada festa que indica Cunqueiro é o seguinte:

Es de rigor, y formado para lo que llaman aperitivos, ‘antipasto’ o entremeses, ofrecer la trucha escabechada, el lacón trufado y los medallones de queso cabrales; sopa y cocido, que se descompone en más de un cerdo, y añade media gallina por barba, y peldaño a peldaño, pasamos por la merluza y el pastelón de anguilas, para caer en los pichones rebozados con bechamel y en la gallina en pepitoria, tras la cual, en la parada, van el cordero asado, la carne al rollo, el gran pastelón de pollo, el arroz con leche, requesón, la tarta de Mondoñedo y la colineta. Las siete de la tarde son cuando alguien, porque no se diga que se remilga en mesa tan generosa, parte la colineta“.

Ata en Un hombre que se parecía a Orestes aparecen as anguías. O barqueiro explica a un pasaxeiro que a barca emprégana “Los tratantes en lana, por ejemplo, o los criados de los monjes de Simón Pedro, que vienen a poner las nasas por Pascua y por San Juan, y se llevan las arrobas de truchas y de anguilas que piden los severos ayunos de sus amos”.

O barqueiro chámase Filipo. ¿Non será o mesmo Felipe de Amancia, o narrador do Merlín e Familia, que segundo conta Cunqueiro nalgún artigo xornalísitico acabou na súa vellez como barqueiro?


Deixa unha resposta