ROSCAS, ROSQUILLAS, ROSQUITAS, ROSCOS Y ROSQUETAS

Bágoas lle brincaban nos ollos a aquel don París príncipe, i os seus ao velo chorar tamén as botaban afeito, pro non por iso deixaron de rillar nas roscas, que eran de Santa Clara, bañada en almibre por mi ama doña Ginebra.

Merlín e familia

Quen con tantas gañas comen nas roscas non son outros que os cinco homiños do mundo soterrado que acompañan ao príncipe don París á casa de Merlín, por buscar consello da maneira de recuperar á súa raíña que estaba presa da Delfina de Tulé, convertida nunha pomba colipava e metida nunha gaiola de prata.

Polo que respecta ás roscas, sempre foi o galego moi afeccionado a elas, non faltando nunca nas feiras, festas e romarías da nosa terra os postos nos que se venden as distintas variedades e especialidades de cada zona.

Cada mes de setembro, alá polo 26 e 27 do mesmo, merco roscas na romaría de Santa Minia, no concello de Brión. A Santa Minia é romaría de moita importancia en toda a comarca de Santiago e tamén nas limítrofes, e constitúe un acontecemento transcendental no val da Amaía, que tantas veces cantou Rosalía de Castro.

Brión, ou mellor dito, Pedrouzos, a parroquia na que se asenta a capela coas reliquias da mártir romana, traídas de Cádiz en 1848 por Lois Tobío, parente dos Tobío de Viveiro, non ten máis que uns poucos centos de habitantes, pero os días da festa son miles os romeiros que se achegan alí, coa intención uns de visitar a santa e levarlle os seus exvotos de cera e, outros, con intencións máis paganas, relacionadas fundamentalmente co bo polbo que eses días se come, por toneladas, na carballeira de Santa Minia.

Tamén están as rosquilleiras, como xa dixen, e non falta ningún ano unha muller que, xunto coas roscas e outros produtos, vende algunhas noces e uvas da zona, uva catalana, pero dun aroma e sabor incomparables.

En A cociña galega Cunqueiro da boa conta da importancia das roscas entre os doces galegos: “El xa estamos na Galicia doceira, na Galicia dos biscoitos, dos amendoados, das rosquiñas das festas” … “Rosquillas fritas, rosquillas anisadas, roscos de viño, -que a min góstame que señan colorados, polo viño tinto”.

Mariano García e Fina Casalderrey, no que seguramente é o tratado máis completo sobre repostería galega, inclúen dez receitas de rosquillas e catro de roscas, pero ningunha delas é a destas roscas de viño de que fala Cunqueiro, quen tamén explica a maneira de preparalas: “unha libra de fariña, un carto de manteiga de vaca derretida e unha cunca de tinto; amásase ben, e ao forno, nunha lata untada de manteiga; ao saír do forno  dáselles unha por unha un baño de almibre, e aínda se lles esparexe por derriba azucre en pó denantes de poñelas a secar”.

Quen si recolle esta receita das roscas de viño no seu receitario é Picadillo, con receitas de roscas, rosquillas, rosquitas, roscos e rosquetas. En total vinte receitas.


Deixa unha resposta