O xamón e os curas

E namentras eu servía ós hóspedes algo de viño e xamón, coma si fora paragüeiro de Ourens terbellou mi amo nos paraugas, i en un amén dounos por amañados, que asegún il soio tiñan unha varilla floxa i outra salteada.

Merlín e familia

Os hóspedes que probaron o viño e o xamón da casa de Merlín, que sería xamón afumado da Terra Cha, eran enviados do Bispo de París, que levaron ata Miranda os seus marabillosos quitasoles, de nomes Sal el sol, Mirabilia e Luceiro, para que Merlín os amañara, xa que non cumprían ben os seus cometidos. O capítulo titulase Os quitasoles e o quitatrevas.

O xamón sempre foi apreciado en Galicia e segue a selo hoxe, inda que pode que menos que antes, seguramente por aquela consideración especial que temos polo que nos falta, que pode converterse en indiferenza cando nos sobra.

Durante séculos, o galego, fundamentalmente no medio rural, criou porcos como medio principal para a súa subsistencia, xa que este animal comía calquera cousa e a cambio ofrecía graxa e carne para alegrar os caldos da comida diaria do longo ano.

Pero ademais o porco ofrecía dous fermosos xamóns e outros tantos lacóns, que servían para pagar débedas e favores do cura, o médico o alcalde ou o cacique de turno. Habitualmente as catro patas do porco servían para pagar esas débeda ou favores e, se non había tales, vendíanse na feira ou no mercado para poder mercar outros artigos de máis necesidade. Así que na casa do labrador, pouco xamón se comía.

Esta realidade vese reflectida claramente nun párrafo do propio Cunqueiro, en artigo publicado no Faro de Vigo o 26 de xuño de 1964, pertencente a serie Camino de Santiago e titulado Por San Juan de Ortega a Burgos. No artigo, o escritor de Mondoñedo, conta a súa visita a San Juan de Ortega e queixase da parquedade dos curas casteláns: “Hay una diferencia esencial entre el clérigo gallego y el castellano, hay que decirlo. Entras en casa de un cura nuestro, y a poco está el vino en la mesa, el pan y unos tacos de jamón y chorizo, o los cafés y el coñac o el aguardiente se imponen. En Castilla, nanay. El cura de San Juan de Ortega no saca ni medio chiquito del clarete del país, que es tan limpio”.

Antes que Cunqueiro xa Xulio Camba advertira en La Casa de Lúculo sobre a xenerosidade dos curas galegos cando escribiu: “que no le invite a usted nunca un terrateniente escocés, amigo lector; pero que tampoco le invite jamás un cura gallego”.

Segundo Camba, a despensa do cura galego é un compendio de tódalas despensas da parroquia, que os parroquianos “saben que el hombre más santo peca, por lo menos, diez veces al día, y les complace ver al párraco incurriendo en el pecado de la gula como una garantía de que no incurre en otros pecados”.

Pasaba esto en 1964. Hoxe pode que nas casas dos curas galegos xa non se vexa tanta abundancia de xamóns e outros produtos agasallados pola parroquia, que cada vez semellan menos os practicantes e, seguramente, caería en picado o número dos parroquianos que agasallaban co mellor do porco ao cura. Cousas do tempo que nos toca vivir.

 


Deixa unha resposta