Pementos con patacas… cocidas

“Como se vasea xeneralmente con brancos, a tapa de pimentos vai con éste, craro. Pro si nos apartamos do amosador dunha tasca, i é polo verán, e tíranos daquela unha pimentada, cunhas patacas cocidas pra remollar no aceite no que está a sal gorda que serviu pra salar os pimentos na tixela, entón eu estou polo viño tinto, por un tinto lixeiro”.

A cociña galega

No seu libro sobre a cociña galega, na que explica esta maneira tan apetitosa de comer os pemento de Padrón que, lamentablemente, non é hoxe común, Cunqueiro dedica un capítulo enteiro aos mesmos, porque certamente Galicia é terra de pementos. De Herbón, do Couto, de Piñeira, de Arnoia, de Mougán, de Guláns, de Oímbra…

Galicia é terra de pementos moi variados inda que o gran público se limite a coñecer os de Padrón e ter escoitado falar dos de Arnoia. Pero hai máis.

Os pementos do Couto, cultivados nos municipios da zona de Ferrol, son similares aos de Padrón, pero coa particularidade de que ningún pica. Na actualidade hai unhas poucas hectáreas de invernadoiros dedicados á súa produción, pero xa dispoñen de Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Os pementos de Oimbra, doces, de tipo italiano e moi carnosos, cultívanse en todo o val de Monterrey (Ourense), sobre unha superficie de preto de 30 hectáreas e unha produción que supera de longo o millón de quilos segundo os datos da Consellería de Medio Rural.

Tamén en Ourense se cultiva o pemento de Arnoia, aínda que basicamente dedicado ao autoconsumo. Similar a este é o pemento branco do Rosal (Pontevedra), doce, alargado e carnoso, cunhas catro hectáreas de invernadoiros dedicados ao seu cultivo e rendementos de entre 6,5 e 7 quilos por metro cadrado.

O pemento de Mougán, orixinario do municipio lucense de Guntín, é parecido ao de Padrón, aínda que máis grande. Ten a peculiaridade de que cando son pequenos non pican, pero a partir dun certo tamaño fano todos.

Galicia conta ademais con outras variedades propias pouco estendidas, como os pementos de Piñeira (Ribadeo, Lugo), os de Punxín (Ourense), os de Guláns e os morróns de Cambados (Pontevedra).

 


One Comments

Deixa unha resposta