Cereixas con pan… ou biscoito

“Doy fe de que me gustan las cerezas; las como con pan, como un labriego de por aquí, metiendo tres o cuatro a un tiempo en la boca y escupiendo de lado los huesos”.

El viaje de las cerezas” La Voz de Galicia aló polo ano 1953 ou 1954 (Recollido no libro El pasajero en Galicia)

O verán é tempo de cereixas. Xa dixen nalgunha ocasión que, segundo contaba meu pai, noutro tempo no Valadouro era o día de San Xoán o elixido para probar esta froita. Serían blancás, como as que o avó tiña no cerrado ou no parque e das que xa non queda máis que o recordo, ou mulariñas ou de calquera outra caste tradicional.

As blancás danse neste tempo moi ben polo sur de Lugo, na zona de Chantada, onde lles chaman da onza, e tamén no Bierzo, de onde chegan cada ano en grandes cantidades a Galicia. Estas blancás non resultan atractivas para quen non coñece a raza: vermellas por un lado, brancas por outro, semellan estar mal maduradas, pero son todo dozura e sabor. Posiblemente as mellores cereixas que coñezo.

Noutro artigo de 1953 Cunqueiro asegura ter comido esta caste de cereixas pola parte de Meira: “Yo me tengo subido al palleiro grande para catar los higos miguelinos , de roja y dulce carne, y las cerezas blancas”.

Paréceme que as cerdeiras van a menos en Galicia nos últimos tempos, e teño para min que xa se perdeu o vello costume galego de comelas con pan, como nso conta Cunqueiro neste artigo de La Voz de Galicia ou como facía Felipe de Amancia no Merlín e Familia: “Era o meu trafego de cada día, denantes do desaúno, que en tempo de cereixas era de cereixas e pan trigo”.

Non teño, pola contra, novas sobre o costume de acompañar as cereixas con biscoito, se non é en Viga y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, onde Cunqueiro escribe: “En la posada en que hicieron noche la víspera de su entrada en Florencia, a una anciana muy enjoyada, que viajaba con capellán y perfumista, y se sentaba en el patio a comer bajo el níspero unas cerezas con bizcocho…

 


One Comments

Deixa unha resposta