Tortilla de chourizo

Sostiña que cando o fígado suda aire, a cousa pódese torcer de todo. Drento do corpo temos ventos, nordés, vendaval, xistras e foulas quentes, i o de drento abaneáse nunha ou noutra parte asegún o vento que esteña soprando. Pardo gastaba tamén moito viño de Málaga. Cando se sentaba a escribir a receita, anque foran as doce do día, mandaba acender unha vela. Adoitaba cobrar tres pesetas: seis reás por mirar o enfermo i outros seis por escribir a receita. De propina ademitía unha tortilla de chourizo ou de xamón, i un vaso de viño. Iba a Romariz a visitar dez enfermos, poño por caso, e dez eran as tortillas que papaba.

Escola de menciñeiros.

Deberon ser a tortilla de chourizo e a de xamón pratos do gusto de Álvaro Cunqueiro, que con frecuencia os leva ás súas páxinas.

Este párrafo de Escola de Menciñeiros fala de Pardo das Pontes, sanador que segundo Cunqueiro era moi lido e para darlle solemnidade á receita “acostumaba meter entre o nome da menciña e a dosis un ‘verbigracia’. Escribía: ‘Láudano, verbigracia, vinte gotas’”.

De Pardo das Pontes e as súas tortillas escribiu Cunqueiro en Escola de Menciñeiros, pero tamén o fixo na revista Tribuna Médica (recollido no libro Viajes imaginarios y reales), nun artigo titulado Los vientos interiores, que no básico coincide co capítulo correspondente de Escola de Menciñeiros.

Escribe tamén Cunqueiro da tortilla de chourizo nun dos artigos con que pensaba empezar a nunca acabada historia das tabernas galegas. No artigo dedicado a El pozo del Goiro (publicado na revista Finisterre o 28 de maio de 1946 e recollido no libro El pasajero en Galicia) o mindoniense fala da tortilla de chourizo alí encargada por un tratante de Friol nun día de chuvia “mansa, lenta, constante, fría”.

E tamén comeu o autor esta tortilla na viaxe que fixo polo Camiño de Santiago escribindo para Faro de Vigo. Foi en Triacastela (El viaje a Triacastela, Faro de Vigo, 16 de outubro de 1962, recollido no libro El pasajero en Galicia). Alí houbo que “contentarse con unas magras de jamón, unas latas de bonito, una tortilla de chorizo. El chorizo es estupendo. El vino es un leonés áspero y chato”. Mentres cean, di Cunqueiro, a pousadeira laiase de que o día anterior tiña unha tarteira de cabrito e ninguén foi cear.


Deixa unha resposta