(…) I en limpar o forno, soltar unha hora os cans na bouza por culpa dun golpe que nos viña ás galiñas, e botarlle un canterlo a unha zoca, paséi a serán, i houbo de merenda freces con ovos, i en anoitecendo, como tiña mandado, funme apresentar a don Merlin, que estaba vestido de cazador.
Merlín e familia
Despois deste serán que relata Felipe de Amancia e na que merendou as freces con ovos, chegaría a noite na que o criado acompañou a Merlín para desfacer o meigallo que convertera a dona Simona en cerva.
Segundo Eladio Rodríguez, as freces son “Comida que se hace con las borras de la mantequilla cocida, a las que se añade harina de trigo o pan migado y leche cociéndolo todo en una olla”. Segundo o propio Rodríguez, tamén se coñecen como feces e fretes.
E para feces o propio Eladio da outra definición, algo diferente da anterior: “Comida que se hace con la bola de harina de maíz que se echa para clarificar la manteca de vaca, cuando se cuece y las borras de ésta, a las que se añade más harina y agua”.
E ata inclúe unha terceira definición para fretes que tampouco coincide totalmente coas anteriores: “Comida que se hace con el poso de la harina de maíz que se echa a la mantequilla, una vez cocida, para clarificarla”.
Parece que a denominación que mellor se axusta á realidade é a primeira, na que se empregan as borras da manteiga cocida, fariña ou pan e leite.
Xosé Manuel Carballo Ferreiro confirma esta apreciación na súa obra Don Otto de viaxe pola chaira, cando escribe “Para a cea matara un polo campeiro a rosquilleira, que preparou en guiso con patacas, moi gustoso, por certo e, ademais, fixera unha fonte de freces. Chamabaselles así na comarca a unha especie de doce moi apreciado que non moitas mulleres sabían facer e que consistía en ovos e fariña fritidos na tixela cunha especie de escuma burbullenta que quedaba ao cocé-la manteiga. Estes doces caseiros non só sabían moi ben, senón que tamén mantiñan o seu”.
Tamén o escritor das longas barbas, que por moitos anos foi cronista oficial da cidade de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar y Guitián, fai referencia ás freces na súa obra:
Vense por centos merendas
De lacón e de chourizos,
D’empanadas e de frebas
De torradas e de freces,
De millos e requesón.
Pero a receita actualizada das freces imos atopala no libro de Mariano García e Fina Casalderrey Repostería en Galicia. A receita que publican atribúena á avoa Andrea de Arzúa, sendo como segue:
Receita das freces
Ingredientes:
O pouso que queda logo de cocer a manteiga
Azucre
Miolo de pan de millo
Preparación:
Unha vez cocida e coada a manteiga, o pouso que queda no recipiente onde se coceu mestúrase co miolo de pan de millo e azucre a gusto.
Ningunha outra información puidemos atopar sobre as freces, así que pasamos a outro asunto.
Pingback:Colineta » Blog Archive » Freces