O VIÑO DAS MULLERES
10 - Abril - 2008 7:39
Segundo leo en La Opinión A Coruña, o viño “Alba de Murviedro” é o resultado dun estudio sobre as preferencias femininas, que deu lugar a un caldo branco, suave, afroitado, doce e refrescante que supón a aposta principal de Bodegas Murviedro, radicada en Requena.
Non é novo isto de identificar á muller con viños brancos suaves e afroitados, inda que no caso que vou comentar de seguido ao mellor había que darlle a volta ao planteamento e dicir que en realidade foi a muller quen se identificou co viño.
Ao longo de 2006 Bodegas Robaliño (Rías Baixas) fixo un estudo de mercado coa xente que visitaba a adega, á que convidaban a catar un monovarietal albariño e un condado, elaborado con albariño e a adición de loureiro e treixadura. Para quen non estea moi posto en viños das Rías Baixas hai que dicir que o condado é o viño típico dunha das cinco subzonas nas que se divide a denominación de orixe Rías Baixas.
Naquela experiencia, segundo me contara Santiago Domínguez, o xerente da adega, os visitantes descoñecían que viño estaban a catar e o único que lles pedían era que indicaran cal dos dous lles gustaba máis, sen entrar en porqués.
Resultou, segundo Domínguez, que as mulleres preferiron, nun 95 por cento, o condado, fronte aos homes que se decantaron maioritariamente polo monovarietal. O xerente da adega pensa que o motivo da preferencia feminina está na menor acidez e maior intensidade aromática do condado, apreciación que, polo visto, ven a confirmar o traballo de Murviedro.
Robaliño comercializa baixo a marca Taranis o viño preferido das súas visitantes.
Categoria: Artigos
- Añadir este post a
- Chuza -
- Del.icio.us -
- Meneame -
- Digg
Comentario de delokos
Realizado o Jueves, 10 de Abril do 2008 as 9:53
Ás mulleres os que lles gustan son os viños bos
Son bastante máis sinceiras xulgando o que beben, e moito menos pedantes ca nós… eu o teño claro: rara vez enganas a unha muller con un mal viño… a un home, é máis que doado, salvo excepcións…
Unha aperta…
Comentario de filloeiro
Realizado o Jueves, 10 de Abril do 2008 as 18:05
Tempus fugit porque na antiga Roma as mulleres só podían beber o viño “puro”, duns 15 grados e sen rebaixar, mentres que os homes bebíano rebaixado con auga. Ámbolosdous bebíano aromatizado con canela e outras especias.
Comentario de roi buligan
Realizado o Viernes, 11 de Abril do 2008 as 0:52
Pois polo que eu coñezo, as mulleres que me acompañan de viños, certamente adoitan elixir e ponderar as virtudes de viños máis suaves e menos ácidos pero tamén estou dacordo co que di delokos, acostuman a ser máis honestas e sinceras na apreciación…un home pode louvar calquer beberaxe si cre que “debe” facelo
Comentario de Moraiminha
Realizado o Lunes, 14 de Abril do 2008 as 8:07
Pois eu non sei se mercaría un viño etiquetado “para mulleres”…






