Colineta

¿É O VIÑO UN ALIMENTO?

3 - Abril - 2008 11:15

A futura lei de drogas que está a preparar a Xunta de Galicia motivou un importante debate entre sanitarios e produtores de viños e os seus derivados, xa que o consello regulador dos augardentes e licores tradicionais aliñouse co sector vitivinícola na petición de que os seus produtos non sexan incluídos en dita lei e equiparados coa cocaína ou o éxtase, por citar algunhas das drogas consideradas “duras”.

Eu, que non coñezo a lei, proxecto, anteproxecto ou o que sexa, non vou opinar sobre ela para non caer no mesmo erro en que están caendo moitos dos comentaristas e contertulios que leo e escoito: falar do que non se coñece.

Así que vou limitarme a falar do que se fala e escribe para comezar dicindo que me parece que o debate ten un ton absolutamente farisaico e falto de reflexión. Semella que todo vale con tal de arrimar a brasa á nosa sardiña.

Escoito na radio algúns médicos e nutricionistas que aseguran que o consumo de alcohol, sexa cal sexa a súa orixe (viño, cervexa, destilados…) é prexudicial para a saúde.

Non sei se son os mesmos médicos que noutras ocasións nos din que unha copa de viño coa comida non so non fai mal senón que axuda a regular non-sei-que-aspectos-do-metabolismo-e-a-fisioloxía-humana. Teño amigos que despois de sufrir un infarto o médico lles receitou un vaso de viño tinto coa comida, o mesmo que tamén coñezo quen o médico lle mandou tomar un refresco de cola despois da comida para axudar á dixestión, cousa que a min me vai moi ben, inda que eu non fora ese paciente do que falo.

Imaxino, polo tanto, que os médicos o que pretenden dicirnos é que o viño pode ser bo ou malo, depende de quen o consuma, cando e canto. Dous litros de viño coa comida, ou entre comidas, seguro que non son bos para ninguén. Unha copa pode ser beneficiosa no caso dun adulto e absolutamente desaconsellada a certas idades. E imaxino que o estado de saúde de cada un tamén terá algo que ver co asunto.

Ao final chegamos a esa vella máxima de que o nocivo non é o produto, senón a dose.

A outra parte implicada no debate, os produtores e comercializadores de viños e augardentes, e polo que leo tamén o Partido Popular, tentan centrar a defensa das súas posicións na cualificación do viño coma un alimento e, loxicamente, sería absurdo cualificar como droga algo que en realidade é alimento. Non me gusta moito o argumento xa que nas boticas, por exemplo, hai medicamentos para loitar contra as enfermidades que ao mesmo tempo se cualifican como drogas (anfetaminas, morfina e tantas outras).

Para rebater ese argumento escoito falar a un médico que asegura que alimento so é aquilo que serve para a nutrición humana e resulta totalmente imprescindible, o que me leva de novo a pensar no asunto da dose: o sal e imprescindible para a vida, pero en exceso pode causar a morte.

Teño un lío na cabeza sobre o que é un alimento que recorro aos dicionarios e so consigo complicarme máis a vida. O da Real Academia Galega di que alimento é “Substancia que contribúe á nutrición dos seres vivos, ó seu desenvolvemento e conservación”, mentres que o Diccionario de la Lengua Española da RAE defíneo como “La comida y bebida que el hombre y los animales toman para subsistir”.

¿Alguén ten argumentos de peso para unha definición mellor?

Categoria: Artigos

6 Comentarios

Comentario de eSedidió

Realizado o Martes, 8 de Abril do 2008 as 18:11

Probe co “Codex Alimentarius”

Comentario de eSedidió

Realizado o Miércoles, 9 de Abril do 2008 as 20:32

O problema aparece, na miña opinión, cando se mesturan cuestións morais ou como queiramos chamarlle (ao fin e ao cabo, ¿qué o concepto de droga senon un concepto moral e polo tanto variable?) co que en realidade é unha cuestión de definición legal. E se nos atemos estrictamente ao concepto legal de alimento, tal e como se entende na lexislación europea, a cuestión fica perfectamente clara. O Regulamento(CE) 178/2002 sobre seguridade alimentaria (para quen non o coñeza, é algo así como a “constitución” na que descansa todo o tinglado de control alimentario da UE, e polo tanto, non é algo baladí) reza textualmente: enténdese por «alimento» (ou «produto alimenticio») calquera substancia ou produto destinados a seren inxeridos polos seres humanos ou con probabilidade razoable de selo, tanto se foron transformados enteira ou parcialmente como se non. «Alimento» inclúe as bebidas, a goma de mascar e calquera substancia, incluída a auga, incorporada voluntariamente ao alimento durante a súa fabricación, preparación ou tratamento.”
Penso que o tema está claro: ser é un alimento. Outra cousa diferente será se debe ser permitido, proibido ou deixado no limbo, que eu aí non entro.
PS. Íame desculpar polo extenso do introito, pero ao fin e ao cabo non creo que a estas alturas da actualidade do blog haxa ninguén que se moleste en ler isto.

Comentario de Miguel Vila (Colineta)

Realizado o Miércoles, 9 de Abril do 2008 as 22:27

Tanto os dicionarios como os boletíns oficiais ofrecen unha visión parcial da realidade, pero non por eso menos interesante. Creo que o dato do regulamento comunitario que achega eSedidió no seu comentario deixa claro por onde vai a normativa europea. Pero non estou seguro de que nas boletíns oficiais e nos dicionarios esteña toda a verdade. En fin, que sigo feito un lío, mentres que na Xunta parece que o teñen ben claro, xa que hoxe mesmo escoitei na radio a nova de que definitivamente o viño vaise incluír na lei de drogas. Se a cousa fora para facer bromas poderíamos que estamos as portas do nacemento dos primeiros enotraficantes.

Comentario de eSedidió

Realizado o Jueves, 10 de Abril do 2008 as 6:30

Por suposto que as definicións regulamentarias non poden ser tomadas como aprehensivas da realidade. O que pasa é que, se estamos a falar de efectos legais derivados de novas normativas,é fundamental non entrar en contradicións entre termos: se observan ben, en senso legal estricto, tamén sería “alimento” un gintonic (e tería problema para non ser admitida unha torta de marihuana). Polo tanto, e ao meu entender, o argumento “o viño non pode ser incluído na normativa antidroga porque é un alimento” carece de valor, e habería que fixarse noutras consideracións, e - estas si - de contido moral ou sociolóxico.
Por outra parte, e a risco de ser pedante, paso a incluír a definición do Codex Alimentarius (para os profanos, a norma básica de control alimentario da FAO, ou sexa, a nivel mundial): “Enténdese por alimento toda substancia, elaborada, semielaborada ou bruta, que se destina ao consumo humano, incluíndo as bebidas, o chicle e calesquera outras substancias que se utilicen na fabricación, preparación ou tratamento dos alimentos, pero non inclúe os cosméticos nin o tabaco nin as substancias utilizadas soamente como medicamentos”. Como ven, basicamente a mesma que a europea.

Comentario de Moraiminha

Realizado o Jueves, 10 de Abril do 2008 as 8:07

Eu levo uns días intentando atopar tempo suficiente como para ler con calma o anteproxecto de lei da Xunta; algo que considero necesario antes de entrar a facer valoracións que saian do ámbito privado… Cuestións sociais e culturais aparte, penso que o do viño é un dos pilares da nosa agricultura, e paréceme increíbel que alguén se plantexe aprobar unha normativa que pode perxudicar tanto a este sector…

Comentario de Miguel Vila (Colineta)

Realizado o Jueves, 10 de Abril do 2008 as 8:20

Esas definciións dos regulametos comunitarios e o Codex Alimentarius deixan ben claro que, a nivel legal, o viño é un alimento. Dos beneficios para a saúde dun consumo responsable de viño temos escoitado falar moito e tamén están claros os prexuicios dun mal uso do mesmo. É dicir, estamos ante un produto que ten unha parte positiva (non so no eido da saúde, senón tamén no da economía) e outra negativa.
Exactamente o mesmo que sucede co aceiro, empregado para fabricar os coitelos cos que os delincuentes asasinan, atracan, rouban… O mal uso dos mesmos ¿é motivo suficiente para restrinxir a publicidade dos coitelos de cociña?. Resulta evidente que o asasinato é moi prexudicial para a saúde de quen o sofre.

Escribir un comentario

XHTML: Podes usar estes tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>