Colineta

MÉXICO, ONDE GALICIA SE ASOMA AO PACÍFICO

31 - Enero - 2007 13:16

Foto: Tsitika

A finais de febreiro celébrase en Ourense o salón Xantar, no que haberá 15 restaurantes galegos, españois e portugueses, máis un convidado de luxo: México. É a primeira vez que convida a unha cociña non ibérica. Escribindo sobre o asunto, lembrei un artigo que publiquei hai dez ou once anos nunha revista que entón editaba Área Central, o centro comercial compostelano, e que recupero de seguido: (Ler mais …)

Comentarios (2)

Categoria: Artigos

ACEITE DE OLIVA GATA-HURDES

26 - Enero - 2007 21:19

Hai dous ou tres meses agasalláronme cunha botelliña de aceite de oliva da denominación de orixe Gata-Hurdes, en Estremadura, elaborado con olivas da variedade manzanilla cacereña. Non ten marca comercial porque procede directamente do consello regulador da D.O.

O aceite durmiu unha tempada na miña cociña ata que decidín abrilo e probalo mollando pan nel, que é a mellor maneira que coñezo de probar un aceite.

¡Que desperdicio deixar pasar o tempo sen probalo!. Un aceite delicioso que, unha vez máis, confirma o que sempre digo: en Estremadura cómese e bébese de medo. (Ler mais …)

Comentarios (2)

Categoria: Artigos

SUPERSANDWICH

22 - Enero - 2007 16:40

Por motivos alleos á miña vontade vinme hoxe obrigado a comer, con presa e a deshoras, na cafetería dun centro hospitalario. Pedín un sandwich vexetal, que se me antollou naquel momento e hai tempo que non comía.

Menuda sorpresa. Vaia sandwich vexetal. Que animal…

O tal bocadillo levaba, entre dúas toradas de pan de molde, dúas capas de queixo, unha dobre de xamón cocido, atún e ovo tamén cocido… ademáis leituga, tomate en rodas, cebola, espárragos e maionesa. Certamente, unha comida “frugal”.

Por 2,20 euros calquera pode dar conta de dito sandwich, que na porta do sanatorio non preguntan a onde vai un. Foi na cafetería do Policlínico La Rosaleda, en Santiago. Non hai foto porque non había cámara no momento oportuno. Prometo levala a próxima vez que se me antolle o sandwich vexetal-animal.

Comentarios (2)

Categoria: Xeral, Artigos

MÁIS CAFÉ… SEN TAPAS OU ONDE NON ENTRAR

17 - Enero - 2007 18:32

O cartel guindado na praza de abastos de Santiago de Compostela promete. Pero quédase en mera promesa. Unha mañá de praza, fresca e algo chuviosa, a calquera se lle antolla un bo café para mollar uns churriños.

Tal me aconteceu a min hai poucos días, e aí me levan os pes á churrería da praza. O café estaba ben e del non me queixo, pero os churros eran un desatino total: ben fritos por fóra pero crus por dentro (¿conxelados?), absolutamente irregulares (un dos tres churros duplicaba o tamaño de calquera dos outros dous) e ademáis estaban absolutamente fríos. Eran as dez e media da maña. En calquera bar un espera que a esa hora os churros estean como mínimo mornos, pero non fríos como se acabarán de saír da neveira. Nunha churrería débese esperar que os churros esteñan quentes ou ata acabados de facer.

Non me volven a ver por Churromanía.

Comentarios (3)

Categoria: Artigos

NOVA COLINETA-LIBROS

15 - Enero - 2007 8:06

Colineta-Libros é a nova sección de Colineta, na que escribirei sobre libros gastronómicos, tanto novidades como obras consagradas. Podedes atoparme entre os blogs gastronómicos de Periodista Digital.

Escribir comentario

Categoria: Xeral

CARTEIS PROMOCIONAIS NA PRAZA DE ABASTOS DE SANTIAGO

14 - Enero - 2007 10:30

Emprazados no lateral que da a Virxe da Cerca. Sen máis comentarios.

Polbo con cachelos

Pan con xamón
Peixe con millo
Salmón con pemento

Comentarios (3)

Categoria: Artigos

XANTAZA DE BLOGOGASTRÓNOMOS. Parte 2

13 - Enero - 2007 19:17

A segunda Xantaza de Blogogastrónomos xa foi convocada oficialmente por parte de Gourmet, o Gran Maestre da Orde, e procédese nestes días ás votacións e admisión de novos membros no clube.

E falamos moito agora do ben que resultou a primeira xantanza, tanto para os asistentes, que comimos estupendamente ben no restaurante Yayo Daporta, de Cambados, como para o cociñeiro. Non son palabras sen fundamento, e como proba aí van uns datos.

Nos días anteriores á primeira xantanza se un buscaba “Yayo Daporta” en Google saían a páxina do propio restaurante en primeiro lugar e a crítica de José Carlos Capel en El País en segundo. Despois pouca cousa máis.

Hoxe (13 de xaneiro, sete da tarde) a busca da frase exacta “Yayo Daporta” devolve 639 resultados, dos que o primeiro segue a ser a páxina do propio restaurante. Pero a crítica de Capel vese relegada ao posto 25 e polo medio cólanse tódolos blogogastrónomos. Non sei cal é o criterio de Google para ordear os resultados nin se iso é significativo ou non.

Nas cinco primeiras páxinas de resultados hay 25 correspondentes ás páxinas dos blogogastrónomos ou doutras que informan sobre a xantanza, fronte a 14 resultados que non teñen nada que ver coa xantanza, entre elas a páxina do restaurante e a crítica de Capel.

Na páxina cinco cansei de contar e parei. Entre as páxinas 6 e 67 (a última) seguen aparecendo os blogogastrónomos continuamente. Penso que non hai unha soa páxina de resultados na que non apareza polo menos un.

O resultado, como dicía ao comezo, foi espléndido para todos. Agardemos que a segunda sexa aínda mellor.

Comentarios (4)

Categoria: Xeral

MÁIS CAFÉ CON MOITAS MÁIS TAPAS

10 - Enero - 2007 20:06

Tiñan razón Orsinia e todos cantos no post anterior me recomendaron o “café con tapa” do Marte (Praza Rodrigo del Padrón, Santiago de Compostela).

Nas foto está o café (moi bo) co se anaco de cruasán, mini montado de chourizo e anaquiño de tortilla. Todo por un euro.

A tortilla estaba rabiosamente salgada, pero cun sabor, textura e punto de cocción case perfectos. O escexo de sal perdoabaselle como se lle perdoa a unha anchoa.

Contanme tamén que o “Senra” do posta anterior e o “Marte” son do mesmo propietario. E nótase.

Vista a caousa, vai haber que suxerirlle a Moraiminha que abra una sección de cafés no seu De Pinchos. Ánimo muller.

Comentarios (2)

Categoria: Xeral, Artigos

CAFÉ CON TAPA

9 - Enero - 2007 8:45

A tradición dos pinchos e tapas para acompañar ao viño, cervexa e similares nas horas anteriores á comida e á cea ven de vello e constitúe toda unha institución en cidades como Lugo, pero ningún lugar de Galicia é alleo a este costume.

Dun tempo a esta parte, o costume das tapas estase estendendo tamén aos cafés. Lembro o sorprendente que resultaba en Compostela a finais de 1994, cando eu cheguei á cidade, que xunto con café serviran, de balde, unha galleta ou un pasteliño. O primeiro lugar onde atopei este costume foi en Área Central, nun bar chamado Kassem, onde por entón poñían un mini cruasán ou unha mini palmeira de follado, segundo do día ou o humor do propio Kassem, simpático coma poucos con quen lle caía ben e antipático coma ninguén cos que non lle entraban polo ollo. Pasaron arredor de 12 anos e os fillos e viúva de Kassem seguen a poñer os mesmo mini cruasáns, pero as palmeiras desapareceron hai moitos anos.

Hoxe case non queda un bar ou cafetería en Galicia que non poña polo menos unha pequena galleta co café. Pero a cousa parecer que vai a maiores.

Vexan se non a foto onde se pode ver o café que tomei esta semana nun café da rúa da Senra de Santiago de Compostela que se chama como a rúa mesma. Por un euro un café de moi boa calidade acompañado dunha mini caracola e un mini montado de lombo curado. Se un día atopo o lugar onde co café poñan un mini pincho de tortilla, alí me quedo a vivir. Nos meus moitos anos de exilio madrileño aprendín que poucos almorzos mellores hai que un bo café con leite (en Madrid é malo o café e o leite non é mellor), cun pincho de tortilla e un anaco de pan quentiño. Almorzo de funcionario, lle chaman na capital do estado. Os funcionarios galegos almorzan doutra maneira, que lamentablemente nos bares galegos fanse poucas tortillas e menos nas horas do almorzo.

E mentres agardo o mini pincho de tortilla para fixar a miña residencia temporal, lembro unha pequena pastelería-bar do barrio vigués do Calvario, onde cun excelente café con leite e un anaquiño de pastel de produción propia, sempre poñen un chupito de zume de laranxas recién espremidas.

Comentarios (14)

Categoria: Artigos

ALÁ VAN DOUS ANOS

7 - Enero - 2007 10:38

Tal día coma hoxe, 7 de xaneiro, pero de hai dous anos (2005) nacía ao mundo Colineta.

Naquel día escribía sobre os grelos e hoxe estou escribindo sobre grelos e nabizas, unha reportaxe de encargo para a revista Origen, na que vou colaborar dende agora. Casualidades da vida.

De dous anos de traballo quedan 476 entradas, cunha media de una entrada cada día e medio, o que supón cumprir estatísiticamente o meu propósito de escribir cada dous días, inda que na realidade hai épocas en que os post están máis distanciados e, polo tanto, outras nas que se agrupan. Tamén están os 191 comentarios vosos que enriquecen enormemente o meu traballo.

A todos, GRACIAS.

Comentarios (5)

Categoria: Xeral