Un post no Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo sobre a maduración de queixos de Arzúa-Ulloa tróuxome o tema á cabeza, así que o mérito deste post é máis do amigo Jorge que meu.

Sobre os queixos de Arzúa-Ulloa habería moito que falar e escribir, porque unha cousa é o que se distribúe por Galicia e España e outra o que se coce na zona.

Estamos acostumados a que nos vendan os queixos tenros, que son os máis comúns, pero a denominación de orixe inclúe tamén o queixo curado.

Os famosos “queixos da nabiza” son iso, queixos con varios meses de curación, de sabor forte, pero con un interior moi manteigoso, que pode lembrar a torta do casar, sen chegar ao extremo de proteólises deste. Estes queixos atópanse en comercios e mercados da zona e xamais faltan na feira do queixo de Arzúa.

Tamén se están a facer queixos de gran curación, coma o que estou comendo eu estes días, agasallo dun amigo daquela zona. Son queixos de pasta dura, difícil de cortar en lascas porque se desfai, así que eu espeto no mesmo a punta do coitelo e deixo que se desprendan anacos irregulares do mesmo. O sabor deste queixo é forte, semellante ao do que en Galicia se coñece como “queixo de Castilla”, fundamentalmente de Zamora, pero coa particularidade de que non pica na boca.

Este queixo xurado ten pouca comercialización fóra da zona de produción, pero por Arzúa pode atoparse sen moita dificultade.

O certo é que a realidade do queixo galego supera amplamente ao que se pode atopar nos supermercados e tendas de alimentación, incluso na sección de queixos de El Corte Inglés ou Hipercor, que posiblemente son as mellores e máis surtidas que hai en Galicia.

O problema, habitualmente, é que as pequenas producións non permiten que algúns queixos singulares cheguen a todos. É o caso do queixo de ovella que fan en Guntín, de marca “Pacita”, que se vende unicamente en Lugo… en Madrid e en Barcelona.

Cando escoitei a nova de que Calvo non se vende sentinme aliviado: a nosa integridade e identidade conserveira seguirá intacta.

Reparei entón na Coca Cola* que tiña diante e, de súpeto, asaltoume a dúbida: que diferencia a Calvo de Coca Coca. Así que lle din unha pensada ao asunto e cheguei ás seguintes conclusións.

1. Calvo produce en Galicia parte do que vende. Coca Cola tamén.

2. Calvo produce fóra de Galicia parte do que vende. Coca Cola tamén.

3. Calvo emprega algunhas materias primas galegas. Coca Cola tamén.

4. Calvo emprega algunhas materias primas de fóra de Galicia. Coca Cola tamén.

5. Calvo da emprego a traballadores galegos. Coca Cola tamén.

6. Calvo ten domicilio social fóra de Galicia. Coca Cola tamén.

7. Calvo fai publicidade na televisión. Coca Cola tamén.

8. Calvo está domiciliada en Madrid. Coca Cola non. ¡Xa sabía eu que había algo que facía diferentes!.

Nun principio foi a escuridade. Pero chegou o Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo (DGPPG) e fíxose a luz coa convocatoria da I Xuntanza Galega de Blogogastrónomos, que se convoca para o mes de novembro, non sei onde nin cando, que iso habemos decidilo entre todos. Democracia asemblearia.

A xuntanza terá forma de papatoria, en restaurante de calidade recoñecida, e poderá participar calquera persoa que manteña un blog sobre gastronomía, ou que fale con frecuencia sobre o mesmo, ou ben que colabore en medios de comunicación sobre materias gastronómicas. As bases abren a posibilidade de que tamén participe quen, sen cumprir os requisitos anteriores, estea interesado en participar. Supoño eu que, no caso de admitir a algún baixo esta última condición, haberá que impoñerlle un castigo apropiado, como pagar os cafés ou manter a raia o índice de alcoholemia para levar o volante.

Para apuntarse hai dous sistemas: comentario no post de DGPPG en que se convoca a xuntanza ou por medio dun correo electrónico a gourmetdeprovincias@gmail.com

NOTAS Á MARXE: DGPPG é unha maneira de abreviar o nome do blog , pero nada ten que ver con partidos políticos nin direccións xerais.

A ilustración está tomada de DGPPG. Un cadro flamenco (cousas dos belgas), no que Carlos Núñez, (con barba) e Cristina Pato (con pucha verde) animan a xuntanza de blogogastrónomos. Os que reparten pratos de papas de arroz e filloas con mel son os que se apuntaron á xuntanza sen ter blog nin escribir sobre gastronomía. O máis preocupante da “foto” é comprobar como o viño é de garrafón.

Para máis información Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo.

Jersey é unha pequena illa británica emprazada no Canal da Mancha, con menos habitantes que Santiago de Compostela e unha economía baseada nos servizos, xa que se trata dunha zona moi turísitica.

Nesta serie de sellos amosan catro das delicatessen locais:

  • Sopa de congro con pétalos de flores
  • Mazás asadas especiadas
  • Ostras
  • Bean Crock: fabas postas a remollar o día anterior que se cocen nuha cazola de barro con cebolas, vexetais e porco. Foi o almorzo típico da zona, pero agora sérvese máis na cea.

Da miña infancia non gardo lembranzas de patios sevillanos, e nas miñas hortas infantís medraban verzas e non limoeiros, que eu fun neno no Valadouro e non na Sevilla natal de Machado.

Lembro moi ben, iso si, os ultramarinos nos que se mercaban os produtos de primeira necesidade que non se podían producir na casa, como aceite, azucre, café, bacallau…

Por proximidade á casa, o ultramarinos que máis frecuentei na infancia era o de Ramón Blanco, que fora xoieiro na Habana e ao regreso montará tenda de coloniais no baixo da casa, mentres nun cuarto do primeiro piso estaba a centraliña telefónica cando no Valadouro había so algunhas ducias de teléfonos, poucas.

Na entrada da tenda de Ramón Blanco había grandes rolos de cordas e sempre un tabal de arenques. “Ramón Blanco come dous arenques para abrir o apetito e eu con un teño que pechalo” dicía outro da vila, menos afortunado economicamente.

Tamén frecuentei na infancia a tenda de Hortensio (Orencio (¿seguro que se chamaba Orencio? consultareino), que estaba no Pazo, parroquia de A Laxe, daquela Alaje, á que moitas veces me mandaba aos “recados” miña aboa, que vivía a medio camiño entre Ramón Blanco e Hortensio. No ultramarinos do Pazo (así é o nome do lugar, que a casa era moderna pero normaliña) gustábame ver o surtidor de aceite a granel e, de novo, o cheiro a cordas novas, se cabe aínda máis acusado que na casa de Ramón Blanco.

Na Plaza era de obrigada visita dominical a casa de Mogo, cun amplo surtido de caramelos e lambetadas da época, pan de figo incluído. Ademais Mogo, que tiña no mesmo local taberna e ultramarinos, era propietario do único futbolín da vila, polo que nas tardes de domingo o rebulir de rapaces era continuo.

Ao pe do Mogo estaba o Bar de Abaixo, dos Casabella, no que víamos Bonanza, El Virginiano, El Túnel del Tiempo e os debuxos animados do gato Félix e o mago Magoo. O ultramarinos comunicaba co bar con dúas portas, una para que os clientes dun lado puidera pasar ao outro e outra detrás da barra-mostrador para que os dependentes tiveran fácil atender os dous negocios.

Despois estaban Os Lobos, ultramarinos e taberna, pechado hai poucos anos para desgraza dos moitos clientes que lle tíñamos unha especial querencia ao lugar… e ás tapas de roxóns de tripa que Angelita levaba de Mondoñedo, ao bacallau guisado, os fritos de chourizo… Nos Lobos tamén víamos a televisión e mercabamos xeados Avidesa. Alí sempre me chamou a atención o enorme coitelo, semellante a unha guillotina de oficina, empregado para cortar o bacallau.

O Fardo era casa de comidas, ademais de ultramarinos, e foi o último en pechar, hai poucos anos (¿2?, ¿3?) despois de ser durante moito tempo a única tenda que abría na vila os domingos.

E estaba, no parque, a casa do Roxo, que sempre o foi publicamente, incluso durante a guerra e a ditadura, sen ningún tipo de problema, que o nome víñalle da cor do seu pelo e non da ideoloxía política, no caso de que a tivera.

Na antiga casa do Roxo queda o último sinal aparente daqueles vellos ultramarinos. É a chapa da cervexa El León que se ve na foto, e que segue chantada derriba da porta de entrada ao local da antiga tenda, agora sen uso público.

Di: El León. Pilsen. Dortmund. Munich. E O Valadouro, engado eu.

Un boa, espléndida ensaladilla caseira, preparada coas mellores patacas, chícharos e tomates, non pode ir á mesa sen a compaña da mellor maionesa feita cos mellores ovos, aceite de oliva e zume de limón.

Así foi aquel día en que se xuntaba a familia a comer. Sería verán, supoño, xa que a ensaladilla presta moito nos días de calor.

Comíamos todos cando un de nos, precisamente o que preparara a maionesa, botou man á boca e, discretamente, sacou algo que non tiña que estar entre os ingredientes da ensaladilla. E debeu poñer cara de sorpresa, supoño, que ninguén se deu conta da súa acción ata que o contou algo máis tarde.

Pouco despois, outro dos comensais fixo o mesmo e amosou publicamente o que lle molestara na boca: un anaco de unlla, perfectamente cortado, aparecera no medio da ensaladilla. O mesmo que lle pasara ao que preparou a maionesa e que ocultara o achado pensando que non se ía repetir.

¡Que noxo!, pensamos todos. ¿Cómo é posible que unha unlla, ou mellor dito, dúas, foran parar á ensaladilla, preparada na casa con todo o esmero do mundo? pensamos todos e, supoño, alguén expresou en voz alta mentres cada un remexía o seu prato na busca de máis inmundicias.

E apareceron. ¡Outra unlla!, pero neste caso non estaba soa, ía acompañada de algo máis. A expresión de noxo multiplicouse nas caras de tódolos presentes, pero un sinxelo exame do novo achado foi suficiente para que se relaxara o ambiente e houbera risas durante un bo anaco: as tales unllas non eran máis que unha semente do limón cortada polas coitelas do batedor con que se fixera a maionesa. Pero talmente parecían as unllas dun rapaz.

Non fun eu quen fixo aquela maionesa, pero sempre paso o zume de limón por un coador antes de poñelo na mesma. Paréceme un sistema máis axeitado que o que lin hoxe nunha revista, onde para evitar que as sementes do limón caian onde non deben, recomendan envolvelo cítrico nunha gasa antes de apertalo para sacarlle o zume.

O da “unlla” non foi agradable, pero… pensar no limón envolto en gasa…


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura