En comentario a un post anterior, o amigo Acedre lembraba a vella contraetiqueta en galego do Ponche Cuesta, que segue aparecendo coma sempre (a foto é de hoxe mesmo).

O salientable do caso é que este ponche procede de El Puerto de Santa María, en Andalucía.

Moitas industrias galegas tiñan que tomar exemplo.

A próxima semana en tódolos monitores

Un prato que semella estar triunfando en Madrid son os “ovos rotos”. A pasada semana puiden comer os “ovos rotos con lacón” da foto. Hai que comezar aclarando que para os madrileños “lacón” é un friame de perna de porco cocida e, normalmente, afumada. Un xamón de York algo historiado.

Nunha tixola antiadherente ao lume ponse un pouco aceite e cáscanse dous ovos. Cun garfo rómpense as xemas para que se desparramen. Sálgase e bótase por derriba o que un guste (os da foto levaban patacas fritias e “lacón”) e rematanse de facer no forno.

Polo cartel podemos ver que tamén se ofrecen con xamón serrano, morcilla e pementos do piquillo ou chourizo e pemento verde.

Eu penso probalos con zorza e pementos de Padrón.

Continúo co asunto dos pementos de Padrón e agora tócalle a quenda aos supermercados da zona onde vivo. O sábado 3 de xuño a situación era a seguinte:

Supermercado Froiz, en Brión. Ofrece pementos de Padrón, a etiqueta dos mesmos insiste no mesmo asunto, pero os pementos son de O Rosal. Os catrocentos gramos saen por 2,49 euros.

Carrefour, en Bertamiráns. O rótulo do supermercado e a etiqueta da bulsa din pementos de Padrón, como no caso anterior, pero son do Val do Salnés. Catrocentos gramos por 2,76 euros.

El Árbol, en Bertamiráns. Outra vez rótulo e etiqueta falan de Padrón, pero en realidade son pementos de Cambados. Os mesmos catrocentos gramos custan 2,79.

En Gadis, Bertamiráns, de novo ofrecen pementos de Padrón, inda que son de Vedra. Aquí a bulsa é de 300 gramos e custa 1,65 euros.

Rematamos o percorrido no Froiz de Bertamiráns. Ofrecen pementos de Padrón, que en realidade son de O Rosal, por 2,80 euros. A bulsa pesa 315 gramos.

Pero no mesmo supermercado hai tamén pementos a 4,90 euros a bolsa. Non indican o peso pero si a cantidade: un cento. A cousa parece ir ben. Estes pementos, que se ofrecen como de Padrón son ¡de Herbón!.

Por fin atopamos os primeiros pementos lexítimos. O cento pesaba 345 gramos. A diferenza de prezo é importante, pero son auténticos.

Estamos a 17 quilómetros xustos da zona de produción dos auténticos pementos de Padrón.

A conclusión á que chego é que produtores e supermercados non teñen vergonza. ¿Qué pasaría se un vendedor do mercado dos martes en Brión, ou dos sábados en Bertamirásn, bautizara os seu posto co nome de Froiz, Carrefour, Gadis ou El Árbol?.

Por certo, e volvendo a un post anterior, que o produtor almeriense fai un curioso uso da estatística. Se os pementos de Padrón uns pican e outros non resulta que a media estatística indica que son pementos “semipicantes”.

Sen intención ningunha de facerlle competencia a insuperable De Pinchos, ensino hoxe a caña con pincho de torrezno con que fixen unha homenaxe o outro día en Madrid.

O “Blázquez”, tamén coñecido como “La casa de los torreznos” leva década na rúa Goya, ao pe mesmo do Palacio de los Deportes madrileño, despachando toneladas de panceta frita, douradiña, renxente a pel, e facendo as delicias dunha clientela fiel. Había anos que non pasaba por alí, pero en canto tiven o Blázquez a tiro non deixei pasar a oportunidade.

Caña e torrezno saíron por 2,70 euros. O pincho de balde foron unhas olivas.

A outra opción na zona era o “Alarcia” na mesma plaza de Felipe II, é dicir, case ás portas do devandito Palacio de los Deportes. Alí a caña sempre se acompañou con gambas, espléndidas, ou cunha nécora. Non cabía un alma no local e seguín de longo. Mire o prezo das nécoras, sempre medianas tirando a pequenas: 4,80 euros por peza.

No camiño do Blázquez ao Alarcia, mirando cara o Palacio de los Deportes, lembrei con emoción aquel concerto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, organizado pouco despois do seu pasamento naquel estadio. Aquela noite, ante miles de galegos e madrileños, triunfaron Miro Casabella e a rondalla de pulso e púa do fogar do xubilado de non sei que vila castelá, que comezaron a súa intervención coa Internacional e remataron co Himno de Riego, ou ao revés, xa non lembro. Acabaron doéndonos as mans de aplaudir.

Fóra do recinto agardaban os grises. Ese día comportáronse como seres humanos.

Antonte en Madrid comprendín o maior que vou, pero non lle din tregua ao colesterol.

O interese sobre a orixe dos pementos de Padrón que non son de Padrón (nin de Herbón) desatado a raíz dun post anterior, levoume esta mañá a entrar en canto supermercado, mercado e froitería atopei ao meu paso. Claro que esta mañá eu estaba en Madrid.

O resultado foi o seguinte:

No supermercado de El Corte Inglés o rótulo ofrece “pimientos de Padrón”, como no resto dos supermercados. A etiqueta indica que o seu orixe é “N. África”, é dicir, seguramente Marrocos.

En Eroski a orixe dos pementos é “Galicia”, sen indicar máis. A etiqueta inclúe a clave de trazabilidade, que supoño permite a Eroski saber de onde chegaron.

En Ahorra Más a etiqueta non indica a procedencia, pero o rexistro sanitario é de Granada.

En Lidl o rótulo do supermercado di “pimientos de Padrón”, mentres a eqtiqueta dos mesmos indica “tipo Padrón”. Proceden de Murcia.

En Mercadona volven a vender os pementos como “de Padrón”, por moito que o productor os etiquete como “pimiento semipicante” sen referise para nada á vila coruñesa. Proceden de Almería.

Por fin atopo pementos galegos nunha pequena froitería de barrio. Pero non son de Padrón senon de Vedra.

De Padrón-Padrón ou de Herbón-Herbón non fun capaz de atopalos.

Os pementos marroquís que vende El Corte Inglés andaban polos seis euros o quilo, fronte aos 4 dos pementos de Vedra.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura