Continúo co asunto dos pementos de Padrón e agora tócalle a quenda aos supermercados da zona onde vivo. O sábado 3 de xuño a situación era a seguinte:
Supermercado Froiz, en Brión. Ofrece pementos de Padrón, a etiqueta dos mesmos insiste no mesmo asunto, pero os pementos son de O Rosal. Os catrocentos gramos saen por 2,49 euros.
Carrefour, en Bertamiráns. O rótulo do supermercado e a etiqueta da bulsa din pementos de Padrón, como no caso anterior, pero son do Val do Salnés. Catrocentos gramos por 2,76 euros.
El Árbol, en Bertamiráns. Outra vez rótulo e etiqueta falan de Padrón, pero en realidade son pementos de Cambados. Os mesmos catrocentos gramos custan 2,79.
En Gadis, Bertamiráns, de novo ofrecen pementos de Padrón, inda que son de Vedra. Aquí a bulsa é de 300 gramos e custa 1,65 euros.
Rematamos o percorrido no Froiz de Bertamiráns. Ofrecen pementos de Padrón, que en realidade son de O Rosal, por 2,80 euros. A bulsa pesa 315 gramos.
Pero no mesmo supermercado hai tamén pementos a 4,90 euros a bolsa. Non indican o peso pero si a cantidade: un cento. A cousa parece ir ben. Estes pementos, que se ofrecen como de Padrón son ¡de Herbón!.
Por fin atopamos os primeiros pementos lexítimos. O cento pesaba 345 gramos. A diferenza de prezo é importante, pero son auténticos.
Estamos a 17 quilómetros xustos da zona de produción dos auténticos pementos de Padrón.
A conclusión á que chego é que produtores e supermercados non teñen vergonza. ¿Qué pasaría se un vendedor do mercado dos martes en Brión, ou dos sábados en Bertamirásn, bautizara os seu posto co nome de Froiz, Carrefour, Gadis ou El Árbol?.
Por certo, e volvendo a un post anterior, que o produtor almeriense fai un curioso uso da estatística. Se os pementos de Padrón uns pican e outros non resulta que a media estatística indica que son pementos “semipicantes”.