Septiembre 14th, 2005Os faragullos de Miranda
Don Merlín non foi quen de amañar a princesiña inglesa de cristal que rachara e que chegou ata Miranda da man do tamén inglés Mestre Flute, tal como nos conta Álvaro Cunqueiro na súa primeira novela, Merlín e familias e outras historias, con cincuenta anos recién cumpridos.
Por iso me satisfai especialmente a iniciativa dunha asociación de A Pontenova, na terra de Miranda, que no pasado mes de agosto, e por segundo ano consecutivo, organizou a festa da Faragullada, na que se puideron comer os faragullos acompañados de mel, azucre, chourizos e torrezmos. Todo un acerto dedicar un día á recuperación dunha memoria culinaria que estamos perdendo día tras día.
Na Pontenova cociñan os faragullos mesturando auga, leite, fariña de trigo do país, ovos da casa e sal. A masa frítese en tixolas de ferro traballándoa coa escumadeira para que quede en anacos o máis pequenos posibles, en faragullos. Despois cada un ponlles o acompañamento que máis lle guste.
Tradicionalmente fritíanse uns anacos de touciño na tixola antes de botar na mesma a masa dos faragullos. Cunqueiro gustaba deste prato acompañado de mel do país: “E o que mais sabe dos faragullos é o atopar no bocado escondido un torrezniño, que pon na boca, a carón do mel, un ponto de salado” dicía.
Para amañar uns faragullos precisamos un ovo batido por persoa, mesturado con catro culleradas de fariña de trigo do país, sal e a auga e leite, a partes iguais, que se precise para obter unha masa espesa. Ponse algo de aceite na tixola e frítense uns anacos de touciño entrefebrado, botando de seguido a masa dos faragullos e a remexer de seguido, partindo a masa o máis posible, ata que os faragullos estean dourados. Deseguido bótanse nunha fonte, engádese mel e sérvense de inmediato.



