29 - Julio - 2005 12:50
A GAITA GALLEGA (1853)
Xoán Manuel Pintos
Foliada 2ª (fragmento)
Traballa un home e se mata
por manter catrocentos,
e lle fan pagar ben caro
inda máis por ir mantelo.
Si vai á vila con ovos
o disgraciado labrego
fanlle pagar á chegada
os mesmos que han de comelos,
e si non ten os chaviños
dinlle que vaia a facelos,
de maneira que alí choven
cartos e chavos a eito.
Por toxos ou herba ou palla,
por vasoiras ou codesos,
por garabullos, cañotas,
por gestas, canas ou fentos,
por queiroas ou carrascos,
capós ou feixes pequenos
de leña ou sean billardos,
pois teñen nomes diversos,
por arjós, follato ou poma,
por estrume para o esterco,
por manteiga, por galiñas,
por fariña, por farelos,
ou relón ou ben salvado
por trigo, millo e centeo,
por castañas e verdura,
por patacas e pexegos,
por ameixas e por figos,
por bruños, mazás e peros,
por noces, allos, cebolas,
níxaros, piñas e nésperos,
por limóns ou por laranjas
do po e doces o mesmo,
por calacús e cabazas,
por tomates e pimentos,
por culleres, mazarocas,
por liño, estopa e tomentos,
por abanos e carozas,
e por landres para os cerdos…
Ja me canso. So lles falta
que lles tarifen o alento.
Inda máis si un leva o carro,
máis que nel leve un enfermo.
Fanlle pagar por pasar
¡si non llo cían un leño!
E por canado de viño
que corre a oito no tempo
fanlle pagar outros oito
ós labregos por direitos.
Inda ben no’está un tallón
con fabas, nabos ou grelos
ja ferven polo corral
os alarbes dos apremios.
Categoria: Poesía
29 - Julio - 2005 12:49
Recibo no buzón do correo o catálogo de produtos galegos do supermercado dunha grande superficie, no que se me anuncia que o mellor de Galicia desembarca alí. Chama, por certo, a atención que a portada estea escrita en galego, as 23 páxinas seguintes en castelán, excepto a información sobre as formas de pagamento da derradeira páxina, que volve estar en galego.
Pero o idioma non é a cuestión. O caso é que no apartado de charcutería ofrécennos “chicharrón gallego” que non é outra cousa que torrezmos de panceta cortada en tacos e non en liscos. Esa mesma preparación recibe tamén o nome de chicharrón en países tan lexanos como Cuba ou Colombia.
O caso é que tales chicharróns-torrezmos saen a 9,99 euros o quilogramo, que son catro céntimos máis que o prezo que no mesmo catálogo teñen as costeletas de tenreira, dous euros máis que os bistés de tenreira galega de primeira e case oito euros máis que a paleta de porco fresca. Chégalle ben aos torrezmos.
Claro que sempre haberá quen diga que estou a comparar un produto que pasou por unha manipulación industrial (os torrezmos) con outros que non son máis que carne fresca, así que imos cunha nova tanda de comparacións.
Se os torrezmos están a 9,99 o quilogramo, o lombo de porco adobado ou ao allo, está dous euros e pico máis barato. Os chourizos non superan os sete euros, o mesmo que a androlla e o butelo. O lacón enteiro anda por debaixo de cinco euros e partido e en anacos desalgados e listos para cociñar non chega aos oito, o mesmo prezo máximo que ten por quilogramo o xamón curado, sempre que se merque enteiro. Se o mercamos en porcións, sen óso nin pel, chegamos a 12 euros, so dous máis que o touciño frito. Todos son, coma os torrezmos, produtos transformados industrialmente.
Por certo que no mesmo catálogo atopamos boi de mar, ameixas, centolas, langostinos frescos ou cocidos, berberechos e gambas e cigalas arroceiras por debaixo dos devanditos 9,99 euros. A pescada fresca, o rape con cabeza, o polbo fresco, o bonito por pezas, por poñer algún exemplo, tampouco chegan a tal prezo.
Eu non sei se alguén entoleou o é que o mundo cambia a tal velocidade que a parte do porco que ata antonte era a menos prezada (o touciño) estase a converter no mellor do animal.
A ver se pasa co touciño o mesmo que sucedeu co bacallau ou as angulas, que de comida de pobres e abono de hortas chegaron a prezos insospeitados no primeiro caso e inalcanzables no segundo.
A este paso non imos poder comer máis que solomillo… ou millo solo.
Categoria: Artigos
27 - Julio - 2005 12:51
MANUEL MARÍA
(En
Terra Cha, 1954)
¡Este par de capós
da bisbarra vilalbesa!
¡Nunca ollei outros tan bos
en toda a terra luguesa!.
Cébanse moi ben cebados.
Hai que matalos despois.
¡Cando se ven desplumados
teñen un peso de bois!
Categoria: Poesía
25 - Julio - 2005 12:53
MANUEL MARÍA
(En
Terra Cha, 1954)
Eran ranchos de boa lei.
Foron medrando, medrando.
¡Moito me escravicei
pra os poder ir ceibando!
Agora xa están cebados.
Hai que pensar en matar
porque xa van rematados
os nabos pra os engrosar.
¡Teremos mañá os roxós
e haberá festa na casa!
¡Hai que cortar os xamós
e ir roxando na grasa!
Categoria: Poesía
25 - Julio - 2005 12:52
Unha franquía de tendas de bocadillos ofrece agora unha nova especialidade con pan sueco. Eu nunca probei o pan sueco, pero polas fotografías dos bocadillos semella as antigas bolas de sartén que tantas veces se cociñaron en Galicia.
Estas bolas, que non son mais que masa de pan fritida na tixola, cociñábanse cando na casa se acabara o pan e non había tempo de cocer nin de conseguilo doutra maneira. Entón, como solución provisional, facíanse as bolas de sarten.
Amasase fariña con auga, un chisco de sal e levadura de panadería (pódese mercar en moitas panaderías e despachos de pan). deixase levedar e de seguido cóllense pequenas bolas de masa e estendese cun rolo ou coas mans formando un circulo de medio dedo de gordo e menos dunha cuarta de diámetro. De seguido frítese esta torta nunha tixola con algo de aceite… E a mesa.
Hai quen, metido en fariñas, coloca na masa de cada bola uns anacos de touciño, chourizo ou xamón.
O resultado e moi saboroso en calquera caso. O meu rapaz fíxenllas unha vez e agora non para de pedir aquel pan tan rico, ata para o bocadillo da merenda
Categoria: Artigos
22 - Julio - 2005 12:55
MANUEL MARÍA
(En
Terra Cha, 1954)
Arden as costas coa fogaxe
pra sementalos.
As maos degrezan coa friaxe
pra apañalos.
Este os nabos son
folla verde, finos grelos;
os carolos no terrón
azúes, brancos, marelos.
Mantense a xente con grelos,
coas follas críase o gando.
Os carolos -¡hai que velos!-
os porcos que están criando.
Categoria: Poesía
22 - Julio - 2005 12:54
No supermercado unha muller pedía cervexa Franciskaner, que non atopaba por ningures. O empregado que lla proporcionou asegurou que estaba moi boa ben fría.
A muller, que polo visto vivira en Alemaña, dixo que o mellor era servila con xeado de limón. Segundo ela o mellor é o sorbete. Haberá que probalo.
Categoria: Artigos
21 - Julio - 2005 12:56
Ovos revoltos con estrugas e gambas, tortilla garnida con estrugas, empanada de raxo e estrugas, poldro estufado ao viño tinto, bola de xeado de estrugas en tulipa de follado con raia de kiwi, bica de estrugas e vasiño doce de licor de estrugas. Non é un chiste nin a carta dun restaurante con cámara oculta, é o menú que comemos o domingo na I Exaltación Gastronómica da Ortiga, celebrado no Pazo de Vilamarín (Ourense) con asistencia de máis de 230 comensais, que deron boa conta dos manxares.
A estruga era unha novidade para case tódolos presentes. A carne de poldro para moitos deles. Malia todo, os pratos volveron á cociña practicamente baleiros, inda que houbo comentarios para tódolos gustos. Na mesa en que eu me atopaba eses comentarios foron máis sobre a carne de cabalo que sobre as estrugas, inda que un dos presentes renunciou ó xeado de ortigas, que para min foi do máis destacado dos pratos guisados con esta planta, ausente unicamente no prato de carne.
+ Torta de millo con paté
Categoria: Artigos
18 - Julio - 2005 12:59
MANUEL MARÍA
(En
Terra Cha, 1954)
O pan centeo é un tesouro:
semella a terra que o deu.
¡É como a terra de mouro
porque na terra naceu…!
Categoria: Poesía
18 - Julio - 2005 12:56
La Cocina Práctica, o libro de cociña máis popular de cantos se publicaron en Galicia, máis coñecido polo alcume do su autor Picadillo, cumpre en 2005 un século de vida, xa que a primeira edición saíu ao mercado en 1905. Malia súa idade, continúa a ser unha referencia obrigada, anque sempre é preciso facer unha lectura crítica da obra, que cun século ás súas costas resulta absolutamente actual nalgúns aspectos e noutros xa non é máis ca un documento que nos amosa algúns dos costumes culinarios da Galicia de comezos do século XX, centrándose fundamental na cociña das clases máis podentes económicamente.
A ilustración amosa o anuncio insertado en La Voz de Mondoñedo o 13 de marzo de 1916, cando o libro tiña xa 11 anos de vida. Entón podía mercarse na imprenta de H. Mancebo, que segue actualmente segue a traballar na vila episcopal.
Categoria: Recortes